xoves, 27 de outubro de 2016

Vincent Price tiña razón, e non Richard Branson


Foto: Petr Kratochvil

Un destes anos pasados, a estas alturas de ano, falaba eu cunha amiga. Dicíalle, a conto do Halloween, que resultaba curioso que moita xente o preferira polo seu suposto atractivo americano cando, comosaberedes, a orixe desta festa de caretas de plástico feas é europea: Halloween é o Samain vestido de bazar chinés.
A súa resposta foi un desganado "Si... Coido que o ano pasado xa dixemos o mesmo." Non deixou que se lle abrira a boca por educación.
Parece unha reacción comprensible. A variedade é algo en risco de desaparición nun mundo onde podes atopar o mesmo tipo de tendas na Gran Vía, en Via Veneto e nos Elíseos. Unha sucesión de Starbucks. Como non valorala e aspirar a ela?
Porén, eu, como individuo que case nunca remata por facer o que se espera que faga, adoro sen poder nin querer evitalo o ar requintado co que Vincent Price di, en La tumba de Ligeia, un lugar común: algo así coma que unha vida feliz consiste en saber aceptar as súas limitacións.
En algo tan difícil consiste, aventuro, e tamén en saber aceptar as súas repeticións. Que non debe ser máis doado. Non pasa un día sen que tope un cun enfastiado impaciente. Esa caste de humanos de recente aparición, tal vez, que aborrecen pasar dous días ou dúas fins de semana seguidas facendo máis ou menos o mesmo. É loxico porque é a era tecnolóxica e non o é porque é a era dos opositores á Administración Pública. Tempos raros para todo, estes.
A vida, supoño, é repetirse e aturalo sen problema. Aínda estar a gusto, a poder ser. Porque, por moito que se queira, e aínda que se sexa alguén coma Richard Branson, todos os seus camiños se cruzan uns cos outros antes ou despois.
E se se vive nunha cidade de menos de un millón de almas, xa nin vos conto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario