martes, 15 de novembro de 2016

Donald Trump e as cidades dementes


Foto: Vera Kratochvil

Nos filmes de ciencia-ficción ianquis dos cincuenta sobre monstros xigantes, era común que a acción transcorrera na típica vila do país, pequeneira e con frecuencia preto do deserto, onde todo o mundo se coñece e o editor do único xornal bota a xornada axotando a pachorra, de parola co sheriff ou co médico local a laiarse da ausencia de noticias minimamente relevantes. Ata que xorde unha tarántula mutada en laboratorio ou unha tropa de formigas radioactivas grandes coma Chevrolets. Daquela, pasa a laiarse do risco considerable de que publique a mellor edición da súa vida e os seus subscritores acaben mortos.
Os guionistas escollían este escenario por favorecer o desenvolvemento da historia (aparte de, imaxino, por razóns orzamentarias). Na realidade, tamén adoita suceder que o insólito xurda en lugares remotos.
En Lugo non hai, que se saiba, animais descomunais, mais é unha cidade incomprensible. O comportamento de moitos dos seus habitantes resulta tan inestable coma o clima: en certas épocas do ano, pode ir máis frío ás seis da tarde que ás dez da noite. Aquí pode un dar con xente que aparente adoralo o martes e que o mércores pase por diante súa coma se fora un perfecto descoñecido ou, se o encontro é inevitable, amose un desgusto indisimulado. Un home ó que antes vía moito polo Pazo dos Deportes é exemplo disto. Unha tarde batín con el na Ronda da Muralla e falamos preto dunha hora. Máis ben falou el, que eu apenas dei metido baza. Varias veces me quixen despedir suavemente, por se el me estivera a facer compaña por cortesía e lle privara eu de atender asuntos máis urxentes, en van. A seguinte vez que o vin, saudou con descoido e avisou que levaba présa, sen se deter. No sucesivo, cada vez que me vía, agachaba a cabeza coma accionando un resorte e cambiaba de acera se tiña ocasión. Faría pensar a calquera que tivera sido eu o conversador torrencial. De igual maneira, en case cada rúa pode un cruzarse con rostros de expresión perplexa ó seu paso. Non, non hai que levar o cabelo tinguido de amarelo canario, nin ir recitando en voz alta unha saga nórdica. O aspecto dun pode ser completamente corrente e, así e todo, e sen unha periodicidade regular para esta actitude, provocar un estraño estupor.
Custa afacerse a estas cousas, máis cando se trata de mentes inescrutables, de voces que case todo o din co mesmo ton. Non vale calquera para esta vida.
Estes fenómenos, por certo, non son exclusivos da poboación nativa. Sei de natais de Madrid residentes aquí desde hai anos que fan igual. Conclúo, pois, que non é a persoa, senón o lugar. Un pouco como se temía Unamuno que lle pasaría cando se trasladou a Salamanca, creo lembrar terlle lido nunha súa carta a un coñecido. Dicía algo así coma que, se á volta dun tempo na vila castelá empezaba a virar inactivo e tedioso, non habería dúbida de que se tiña convertido nun habitante máis.
E xa se me foi a man coa digresión. Quería eu falar do triunfo de Donald Trump, cimentado no voto de provincias. Pero non é cousa de vos aburrir.